VÍDEOS E CURTAS

A LANTERNA MÁXICA

Este é un vídeo resumo do proxecto, aquí podedes ver as coordenadas fundamentais da Lanterna Máxica así como fragmentiños de moitos dos obradoiros que fixemos dende Galicia ata Asturias ao longo do 2016. En menos dun ano fixemos unha curta, abordarmos a obra poética de Manuel María, Lois Pereiro ou Rosalía de Castro entre moitos outros, tivemos o pracer de traballar con pícar@s de todos os rincóns de Galicia, con anciáns da Mariña Lucense ou, incluso, cun grupo de estudantes xaponeses durante o seu paso polo Campus de Lugo. Todo isto ao longo dun ano, agora miramos con ilusión a un 2017 cheo de apaixoantes proxectos para esta lanterna máxica.

A TRIBO ESTRAFALARIA

A tribo estrafalaria é o resultado fílmico final dunha acampada creativa que A Lanterna Máxica viviu xunto á marabillosa rapazada do Grupo de Teatro de Antas de Ulla. Filmouse en dous días e tanto as personaxes como as situacións fundamentais foron propostas polos propios intérpretes. Nesta ocasión apostamos por un estética propia do cinema silente e fixemos pequenas trucaxes en homenaxe a Georges Méliès, un dos pioneiros da sétima arte.

 

A historia que se conta é a seguinte. Un grupo de rapaces asalta unha casa e comeza a vivir nela. A rapazada divídise en grupos que realizan diversas tarefas. Un día, un destes grupos comeza a facer abuso do seu poder ata que os demáis compañeiros deciden tomar medidas para voltar á normalidade e poder así, entre todos, conquistar o mundo dos soños.

NA PROCURA DUN FILME

Na procura dun filme foi a curtametraxe que fixemos xunto aos pícar@s do Grupo de Teatro Infantil do Colectivo Cultural Ollomao. Foi o resultado de meses de traballo e investigación cinematográfica e teatral. A historia narrada na curta foi creada polas actrices e actores do grupo, claro indicio da poderosa capacidade de creación e falta de límites das mentes novas. Dende A Lanterna Máxica decidímonos a intentar filmalo todo e, de paso, convertir esta búsqueda dunha trama nun dos eixos principais do filme.

 

Unha rapaza que anda na procura da súa personalidade, unha directora de cine moi mandona secuestrada polos seus actores reconvertidos en Flamencos Psicolóxicos, un galego que viaxa a Sevilla para rescatala, un grupo de canis que non soporta aos Flamencos Psicolóxicos, un pirata moi maligno, unha tenda de campaña que viaxa a través do tempo, unha rapaza que cando está triste salta por riba das vacas e que ten unha avoa coa que discute a miúdo, un astronauta que cree estar en Marte pero que realmente está na Terra, dous científicos tolos e un cadáver, unha rapaza que non ten con quen xogar, un dinosauro que custodia personalidades... en definitiva, catorce pícar@s na procura dun filme.

AVANCE DE "NA PROCURA DUN FILME"

Este é o tráiler de Na procura dun filme, a curtametraxe que fixemos xunto aos pícar@s do Grupo de Teatro Infantil do Colectivo Cultural Ollomao. Días antes de estrear o filme nas Escolas de Santiago de Reinante, a mediados de xuño de 2016, decidímonos a presentar este pequeno avance para crear expectación. Con todos vós, aquí están os canis!

 

A LANTERNA MÁXICA EN NADAL

Este foi o primeiro vídeo da Lanterna Máxica. Pouco antes da Noite de Reis un intrépido grupo de cativas e cativos atreveuse a xogar co teatro e o cinema de man da Lanterna Máxica. Este obradoiro foi celebrado por mor do Nadal Cultural da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

 

Tamén estamos en Facebook e en YouTube!

Contacto:

Rubén 620 782 381

Brian  629 723 988

Correo electrónico: alanternamaxica@gmail.com